Xuntanza “Día Mundial da Voz 2015”. Corro de voces.

FOT FALADORINA ATEMPO1

Data: 16 de abril de 2015.

Hora:  a partir das 11:30 h.

Lugar: Rúa Paz, 12. Fonteculler. 15189. Culleredo. A Coruña.

Organizado por:  Isabel Pichel, locutora profesional de radio, coach de voz e autora de  “A Viva Voz”, e por Estela López, directora de Atempo Inteligencia Musical. Xuntanza de profesionais que usan a voz no desenvolvemento do seu traballo. A idea é sumar voces e visibilizar esta canle de comunicación humana. Baixo o lema “A Voz, o primeiro xeito de comunicación social”. As portas de Atempo Inteligencia Musical abriranse ó público en xeral e ós profesionais da voz en especial. Poderán participar dunha experiencia única de voz, compartindo ademáis as testemuñas dos convidados.

Programa

11:30 h. Presentación do Día Mundial da Voz, que este ano se celebra baixo o lema A voz, o primeiro xeito de comunicación social.  Apertura: Isabel Pichel.     

Convidados

  • Pablo Parente Arias. Especialista en Otorrinolaringoloxía desde 1999. Formado no Complexo Hospitalario da Coruña, traballou neste centro e desde fai uns anos, no Hospital La Rosaleda de Santiago. Iniciou a súa formación en voz co Dr. Rafael García Tapia, neto de Antonio García Tapia, un dos precursores da laringoloxía non só en España, senón tamén no mundo.
  • Borja Quiza. Barítono lírico de recoñecido prestixio e longa traxectoria porfesional en ópera e zarxuela en teatros nacionais e internacionais.
  • Pepe Capelán. Guionista, cómico e actor. Colaborador do programa “Bamboleo” e presentador do programa “No mellor da vida” da Televisión de Galicia. Colaborador do programa “A tarde” da Radio Galega. Monologuista e cantante do grupo de rock cómico “Fillos do Estramonio”.
  • Isabel Risco. Actriz, clown e pedagoga teatral. Comeza a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña. Desde o ano 2000 participa en espectáculos profesionais en distintas compañías, entre elas “Os sete magníficos máis un”, ou “Maquinaria Pesada”. No 2005 gradúase en Pedagoxía Teatral na Universidade da Coruña. No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en longametraxes e distintas series e programas da TVG, como Padres Casares, A vida por diante, O Nordés, Air Galicia, O Show dos Tonechos, Luar, etc. Na XII Edición dos Premios do audiovisual galego recibe o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto polo personaxe de Dona Hortensia en Era Visto!
  • Déborah Silva.Pedagoga teatral, logopeda, e experta en técnica vocal e na rehabilitación da voz. Cantante profesional con máis de 15 anos de experiencia.
  • Anam Cara. Asociación de Sada especializada en actividades de crecemento persoal. Anuk Leandro, Alicia Rivela e Andrés Rodríguez falarán da técnica de harmónicos.O seu enfoque no uso da voz bebe, entre outras técnicas, do teatro, da improvisación, da ritmoterapia e a musicoterapia, de cantos ancestrais… Falarán da terapia con son e canto, que permite,entre outros efectos beneficiosos para a persoa, acadar a armonía co que nos rodea, liberar o potencial creativo individual, reforzar o sistema psico-neuro-inmunolóxico, e xerar optimismo, paz, enerxía e confianza.
  •  Estela López, community manager e personal coach; e Isabel Pichel. Presentación da participación de Faladoriña, (Speaky en inglés) na XXIII PVC e VI Voice Congress de San Francisco, California, EEUU.
  • Isabel Pichel, coach de voz.”Preservación do Faladoriña ou Falador que todos levamos dentro!”

foto dia da voz

O proxecto A Viva Voz, vai avalado pola Socidade Galega de Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cérvico-Facial, e que conta con importantes colaboracións: a foniatra Marisa Lois, o debuxante Kiko da Silva e o actor Luis Iglesia. As ilustracións son de Fonso Barreiro.

A entrada a Corro de voces é de balde, ainda que é necesario reservar praza no teléfono 670 936 965 ou no correo electrónico estamosatempo@gmail.com. As persoas que asistan poderán mercar o manual A Viva Voz cun 50% de desconto.

Máis información: 

https://www.facebook.com/pages/Faladori%C3%B1a-A-VivaVoz/867563243274169?fref=ts

https://www.facebook.com/events/396496460531781/

https://www.facebook.com/estamosatempo/info

http://www.estamosatempo.com/

Advertisements

Faladoriña participa no Día Mundial do Teatro

27 de marzo de 2015

manifesto teatro. foto isa

A xornalista e coach de voz, Isabel Pichel, no papel de Faladoriña, participou na lectura do Manifesto 2015 que abriu as actividades do Día Mundal do Teatro no Centro Sociocultural Santa Marta, en Santiago de Compostela.

Fotos cedidas por José Alberto Pedrido

MENSAXE DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2015

Krzysztof Warlikowski, director de teatro.

Os verdadeiros mestres do teatro pódense atopar máis ben lonxe do escenario. Polo xeral, non teñen interese no teatro como unha máquina para a reprodución de convencións e de clixés. Buscan a fonte da pulsión e as correntes vivas que tenden a evitar as salas de espectáculos e as grandes multitudes que prefiren a copia dalgún mundo ou doutro. Preferimos copiar no canto de crear mundos que estean enfocados e incluso supeditados en propiciar o debate co público, que se centren nas emocións que medran por debaixo da superficie. En realidade non hai nada que poida revelar tantas paixóns ocultas mellor co teatro.      

Decotío regreso á prosa como unha orientación. A miúdo véxome pensando nos escritores que hai case un século describiron profética mais serenamente o declinar dos deuses europeos, o crepúsculo que fixo sucumbir á nosa civilización nunha escuridade que aínda non se iluminou. Estou pensando en Franz Kafka, Thomas Mann e Marcel Proust, pero tamén me gustaría incluír a John Maxwell Coetzee entre ese grupo de profetas.      

O seu sentido común sobre a inevitable fin do mundo -non do planeta, senón do modelo das relacións humanas- e da orde social e a axitación caótica, é conmovedoramente actual para nós aquí e agora. Para nós que vivimos despois da fin do mundo. Que afrontamos crimes e conflitos que diariamente nacen en novos lugares máis de présa incluso do que os ubicuos medios de comunicación poden seguir. Estes lumes vólvense aburridos ben rápido e desaparecen das reportaxes, para nunca máis volver. E sentímonos desamparados, horrorizados e asediados. Xa non somos quen de construír torres e os muros que erguemos obstinandamente non nos protexen de nada, pola contra, eles mesmos esixen protección e coidado, que nos fai consumir unha gran parte da nosa enerxía vital. Xa non temos forza para tratar de ollar o que hai máis alá das portas, detrás dos muros. E é por iso exactamente polo que o teatro debe existir e onde debe buscar a súa forza. Para mirar máis adentro do que está permitido.      

A lenda trata de explicar o que non se pode explicar. Dado que se basea na verdade, debe rematar no inexplicable”, así é como Kafka describe a transformación da lenda de Prometeo. Estou convencido de que esas mesmas palabras deben describir o teatro. E é ese tipo de teatro, o que está enraizado na verdade e o que atopa o seu fin no inexplicable, o que desexo para todos os seus traballadores, para os do escenario e para os do público. Deséxoo con todo o meu corazón.”

A continuación tivo lugar a solta de globos “”Mil desexos para o teatro” cos desexos que escribiron as/os usuarios/as de distintos centros socioculturais de Santiago de Compostela.

manifestoteatro3

Presentación do libro “A Viva Voz” na libraría Aenea

A viva voz.jpeg-página001 (5)Data: 13 de marzo de 2015.

Hora: 19:00 h.

Lugar: Librería Aenea.

Rúa dos Irmáns Rei Alvite, nº 3 baixo
Santiago de Compostela
15.702 A Coruña
981 572 567

Participan: Isabel Pichel,  xornalista, coach e autora de  “A Viva Voz”.   Raquel Fernández, Doctora en Otorrinolaringoloxía.

Entrada libre

Máis información: 

http://aeneasantiago.blogspot.com.es/

www.aenea.es

https://www.facebook.com/libreria.aenea

O profesorado do IES Antón Losada Diéguez da Estrada fórmase en técnicas vocais

05 de xaneiro de 2015

A xornalista e coach Isabel Pichel impartiu un obradoiro sobre técnicas vocais no I.E.S (Instituto de Educación Secundaria) Antón Losada Diéguez, no concello pontevedrés da Estrada. No seu papel de Faladoriña, ensinou ao profesorado distintas técnicas vocais para proxectar e coidar a voz.

Faladoriña é unha personaxe creada por Isabel Pichel. É a protagonista do  cómic A Viva Voz, presentado o pasado 22 de decembro na Cidade da Cultura. Neste primeiro manual sobre voz que se publica en Galicia,  Faladoriña describe, dun xeito sinxelo e lúdico, todos os aspectos relacionados coa voz e a prevención de doenzas. Na última parte mostránse unha serie de exercícios para faladoriñas e faladoriños que axudan no quecemento previo ao traballo coa voz. Durante a sesión formativa, Isabel Pichel practicou co profesorado estes exercicios, así como outras técnicas dirixidas especialmente a este colectivo.

FORMACIÓN: Obradoiro de técnicas vocais

Data: 05 de febreiro de 2015.

Hora: 16:00 h. a 17:30 h.

Lugar: I.E.S. (Instituto de Educación Secundaria Antón Losada Diéguez. A Estrada. Pontevedra.

Impartido por: Isabel Pichel, xornalista e coach de voz, no seu papel de Faladoriña.

Destinado a: profesorado do IES Antón Losada Diéguez.

Obxectivo: que o profesorado obteña as ferramentas vocais necesarias para proxectar e coidar a súa voz.

 

 

 

 

 

Presentación de “A viva voz”, protagonizado por Faladoriña, o primeiro manual de voz en formato cómic

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014

A xornalista e coach de voz, Isa Pichel, presentou na Cidade da Cultura o proxecto ‘A viva voz’, o primeiro manual da voz en formato cómic que ela mesma impulsou a través dun personaxe moi especial: Faladoriña. A obra conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, – por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e está ilustrada por Fonso Barreiro e prologada pola foniatra Marisa Lois e polo actor Luís Iglesia.

A presentación contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüísitica, Valentín García, quen puxo de relevo “a importancia dun proxecto coma este para as cuestións relacionadas coa voz e coa oralidade do galego”. Participaron no acto, amais da autora, Isabel Pichel, e do ilustrador, Fonso Barreiro; o presidente da SGORL-PCF (Sociedade Galega de Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cervicofacial), Andrés Soto; e mais a presidenta da AECAT (Asociación Española de Cáncer de Tiroides), Cristina Chamorro.  Tamén contou coa asistencia do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.

A presentación rematou cunha mostra de exercicios de quecemento previo ao traballo coa voz incluídos no decálogo de ‘A viva voz’, da man de Faladoriña, a figura protagonista do cómic.

‘A viva voz’

‘A viva voz’ é a primeira guía de voz en formato cómic da xornalista Isabel Pichel, con ilustracións de Fonso Barreiro, que analiza ao longo de 52 páxinas as compoñentes socioculturais que inciden na oralidade. Conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, co aval da SGORL-PCF, baixo a revisión da doutora Raquel Fernández, e co apoio de AECAT e da empresa Identia Coaching&Formación.

Describe, dun xeito sinxelo e lúdico, todos os aspectos relacionados coa voz e coa prevención de doenzas a través do particular camiño da voz artística e da voz non artística de Faladoriña na superación dun cancro de tiroide e ofrece, ademais, un decálogo de exercicios para faladoriñas e faladoriños que axudan no quecemento previo ao traballo coa voz.

‘A viva voz’, que lle rende homenaxe ás orixes históricas do cómic, colabora con AECAT con cincuenta céntimos de cada exemplar vendido e poderá adquirirse a través da web faladorinhavivavoz.com, así como en distintas librarías de Galicia.

Máis información:

Presentación AECAT:

AECAT: http://www.aecat.net/2014/12/29/presentacion-de-faladorina-primer-manual-de-voz/

http://www.aecat.net/2014/12/18/faladorina-un-cuento-de-navidad/

Novas Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/1981/cultura-educacion-presenta-viva-voz-primeiro-manual-voz-formato-comic

http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/3663

http://cultura.xunta.es/es/nova/7391

Noticias Galicia:

http://www.noticiasgalicia.com/index.php/ng-salud/13051/a-viva-voz-un-comic-que-acerca-a-todos-los-publicos-el-cancer-del-silencio

Noticieiro Galego:

http://www.noticieirogalego.com/2014/12/cultura-presenta-a-viva-voz-o-primeiro-manual-da-voz-en-formato-comic/

Galicia Digital:

http://www.galiciadigital.com/nota.9310.php

Presspeople:

http://www.presspeople.com/nota/cultura-e-educacion-presenta-viva-voz