Arquivos da categoría Novas

Faladoriña pon en marcha o proxecto Ensinando A Viva Voz

Fotos: José Alberto Pedrido.

Faladoriña, o personaxe creado pola locutora, socióloga e coach de voz, Isabel Pichel, acaba de por en marcha o proxecto Ensinando A Viva Voz. Dirixido a alumando e profesorado ten, entre os seus obxectivos:

– Mellorar as habilidades na comunicación oral nunha época onde a    tendencia é o uso das novas tecnoloxías e das mensaxes escritas.

– Ensinárlles técnicas de voz e hábitos saudables para previr doenzas e  conservar unha boa calidade vocal.

– Amosarlles ferramentas e exercicios para mellorar a súa dicción e a fonética en galego.

– Mellorar a técnica e a comunicación profesorado-alumnado.

Faladoriña CRA Boqueixón - Vedra-84

Advertisements

“Corro de voces” para reivindicar o valor da comunicación oral fronte as novas tecnoloxías

16 de abril de 2015

  • Borja Quiza, Pablo Parente, Débora Silva, Isabel Risco, Pepe Capelán e a Asociación Anam Cara participaron nos actos do Día Mundial da Voz, organizados pola locutora Isabel Pichel e Atempo inteligencia Musical.
  • Todos eles uniron as súas voces para reivindicar un novo tratamento da voz fronte as mensaxes de móbil.

Un Corro de voces formado por cantantes de ópera, logopedas, actores, humoristas, otorrinolaringólogos, e comunicadores reuniuse hoxe en Fonteculler, na localidade coruñesa de Culleredo, no “Día Mundial da Voz”, que este ano se celebra baixo o lema “A voz, o primeiro xeito de comunicación social (Voice, the original social media)”. O barítono Borja Quiza; o otorrinolaringólogo Pablo Parente; a logopeda e cantante Débora Silva; a actriz Isabel Risco, o humorista Pepe Capelán, a Asociación Anam Cara, a directora de Atempo Inteligencia Musical Estela López; e a coach de voz e locutora Isabel Pichel uniron as súas voces reivindicando un novo tratamento para a voz como vehículo de comunicación, fronte as novas tecnoloxías baseadas en frases frías e emoticonos. A voz como un modo de expresión, símbolo de identidade  propia, coa súas tonalidades, coas emocións, que lle dan valor engadido á mensaxe. Que transmiten calor frente a frialdade das mensaxes a través de móbil. O valor da comunicación oral fronte ás novas tecnoloxías. No encontro, denominado Corro de Voces e organizado por Isabel Pichel e Estela López,  confirmouse a participación de Faladoriña (Speaky en inglés) na XXIII PVC (Annual Pacific Voice Conference) e VI Voice Congress de San Francisco, California, nos Estados Unidos. Faladoriña, creada por Isabel Pichel dentro do proxecto A Viva Voz, foi convidada a participar nesta conferencia mundial polos propios organizadores. O proxecto A Viva Voz, está avalado pola Sociedade Galega de Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cérvico-Facial, e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Naceu cun manual en formato cómic, que se presentou en decembro pasado, e conta con importantes colaboracións: a foniatra Marisa Lois, o debuxante Kiko da Silva e o actor Luis Iglesia. As ilustracións son de Fonso Barreiro.

Borja QuizaBORJA QUIZA - copia Barítono lírico, nacido en Ortigueira (A Coruña). Foi “Premio Opera Actual” ao mellor cantante lírico xoven en 2009, premio ao mejor cantante de zarzuela nos premios líricos “Teatro Campoamor” de Oviedo. Quiza é unha das figuras emerxentes da lírica internacional grazas ao seu profundo estudo da técnica e a interpretación cantora. Proba delo é a a súa interpretación de Don Giovanni  na película de Carlos Saura  do mesmo nome. Borja Quiza falou da súa experiencia como cantante, e a súa experiencia na investigación de técnicas vocais. Segundo explicou, a voz é unha mestura de técnica, arte, maxia e misticismo. Ten unha parte emocional, que influe na fonación, e unha parte física. Na súa opinión, é importante contar coa ciencia para explicar a técnica vocal. Antes de interpretar “Lela” para as persoas asistentes, subliñou que neste momento hai unha idea de modernizar a ópera adaptándoa á linguaxe televisiva e cinematográfica, aos medios de comunicación social. Neste momento dixo, “o importante non é a voz, é o físico e a posta en escea”. Ao seu xuizo tratáse dunha liña equivocada, porque, argumentou “a ópera é un xénero convencional, irreal, que pervive pola súa propia linguaxe”. A ópera, segundo dixo, é unha meta alucinante para a voz. Na súa opinión, as mellores voces do xénero atópanse nos anos 60 e 70 do século pasado.

Pablo Parente Arias PABLO PARENTE - copia Especialista en Otorrinolaringoloxía desde 1999. Formado no Complexo Hospitalario da Coruña, traballou neste centro e desde fai uns anos, no Hospital La Rosaleda de Santiago. Iniciou a súa formación en voz co Dr. Rafael García Tapia, neto de Antonio García Tapia, un dos precursores da laringoloxía non só en España, senón tamén no mundo. Pablo Parente centrou a súa intervencion na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades da voz. Como prevención lembrou que o tabaco lesiona as cordas vocais e a mucosa ata provocar cancro; que é fundamental unha boa hidratación bebendo entre dous litros e medio e tres litros de auga ao día, que hai que ter coidado cos ambientes resecos (aire acondicionado e calefacción); e co alcohol, xa que deshidrata a larinxe e afecta ao estómago e o refluxo sube ata a gorxa, que se atopa desprotexida contra estes ácidos. En canto ao diagnóstico, recomendou aos profesionais que traballan coa voz acudir ao otorrinolaringólogo para revisións periodicas. Revisións que poden ir desde unha simple exploración, ata unha fibroscopia ou unha estereoscopia, pasando por un estudio de voz personalizado que consiste en desfacer a voz en partes e ver como se relacionan. Para rematar, mostrou distintos vídeos e explicou distintas intervencións nas cordas vocais para retirar pólipos, tumores, etc. Durante unha conversa informal co resto das persoas asistentes, Parente alertou do uso continuado dos cascos. Explicou que o oído se adapta, durante un periodo de tempo, ao volume do son. Pero unha vez pasado ese período, o oido sufre. O mesmo sucede coa voz. As persoas, por incercia, elevan o seu tono de voz, e fórzana máis, polo que se resinten as cordas vocais.

Débora Silva DEBORA SILVA - copia Pedagoga teatral, logopeda especialista en técnica vocal e rehabilitación da voz e cantante profesional con máis de quince anos de experiencia. Débora Silva describiu a súa experiencia. De cómo comezou como cantante amateur, quedando finalista en distintos concursos de canto, a como pasou a interesarse polo seu propio aparato fonador. Segundo relatou, decatouse moi pronto de que nos estudos de logopedia había moi poucas asignaturas adicadas propiamente á voz, o que a levou a unha investigación para coñecer os mecanismos da voz a través da súa propia experiencia. Neste proceso de autocoñecemento é fundamental, segundo explicou, o apoio doutros profesionais, como os otorrinolaringólogos, sobre todo na prevención de riscos asociados a patoloxías da voz. Silva rematou cantando, igual ca fixera Quiza, a canción “Lela”.

Isabel Risco ISABEL REY - copia Actriz, clown e pedagoga teatral. Comeza a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña. Desde o ano 2000 participa en espectáculos profesionais en distintas compañías, entre elas “Os sete magníficos máis un”, ou “Maquinaria Pesada”.  No 2005 gradúase en Pedagoxía Teatral na Universidade da Coruña. No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en longametraxes e distintas series e programas da TVG, como Padres Casares, A vida por diante, O Nordés, Air Galicia, O Show dos Tonechos, Luar, etc. Na XII Edición dos Premios do audiovisual galego recibe o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto polo personaxe de Dona Hortensia en Era Visto! Actualmente está co proxecto teatral de Ibuprofeno Teatro, O Furancho. Para Isabel Risco, a voz é a súa ferramenta de traballo, “o meu sacho, o meu angazo, e funa desenvolvendo pola terra e polo mar, dende Coruña, intentando percorrer o resto do pais, ali onde me deixan, onde teño a sorte que me conviden…” A actriz, desde un punto de vista costumista, incidiu na proxección de voz que existe en Galicia, froito dos costumes e do propio idioma.

Pepe CapelánPEPE CAPELAN - copia Guionista, cómico e actor.Colaborador do programa “Bamboleo” e presentador do programa “No mellor da vida” da Televisión de Galicia. Tamén colabora no programa “A tarde” da Radio Galega. É monologuista e cantante do grupo de rock cómico “Fillos do Estramonio”. Parente explicou que a voz é a nosa “pegada dixital”, unha identificación persoal de cada un de nós. Despois de reflexionar sobre a retranca e a tradición oral, incidiu na importancia de aprender técnicas de voz para evitar problemas posteriores, sobre todo en persoas que utilizan a voz habitualmente no seu traballo. Cristina Lombao A xornalista da Radio Galega, a través dunha grabación lembrou a importancia da mensaxe. Segundo dixo, “a voz é o envoltorio”, e pode cambiar a percepción desa mensaxe. A voz, continuou, ten pausas, inflexións, tonalidades, que poden atraer ou afastar aos ointes.

Anam Cara ANAM CARA - copia Asociación de Sada especializada en actividades de crecemento persoal. Anuk Leandro, Alicia Rivela e Andrés Rodríguez falaron da técnica de harmónicos.O seu enfoque no uso da voz bebe, entre outras técnicas, do teatro, da improvisación, da ritmoterapia e a musicoterapia, de cantos ancestrais… Falaron da terapia con son e canto, que permite,entre outros efectos beneficiosos para a persoa, acadar a armonía co que nos rodea, liberar o potencial creativo individual, reforzar o sistema psico-neuro-inmunolóxico, e xerar optimismo, paz, enerxía e confianza, etc. Segundo explicaron, hai distintos factores, entre eles o estrés, tensións, emocións, que bloquean a voz. Isto pódese previr con exercicios a través do ioga, da relaxación, do silencio mental; aprendendo a escoitar, desde a calma. Andrés Rodríguez lembrou que todos temos unha voz que nos identifica, e cada unha desas voces ten as súas capacidades; e hai que traballar estas ptencialidades.O importante, dixo, é non por límites á nosa propia voz. Corro de Voces rematou cuns exercicios de harmónicos baseados en cantos ancestrais interpretados por Anam Cara.

Fotos cedidas por José Alberto Pedrido

Máis información:

Televisión de Galicia:

http://www.crtvg.es/informativos/no-dia-mundial-da-voz-os-profesionais-chaman-a-usala-mellor-na-comunicacion-social-1089208

O Día Mundial da Voz reúne a profesionais e especialistas desta canle de comunicación

Featured Image -- 8013 de abril de 2015

  • O acto, denominado Corro de voces, está organizado pola locutora e creadora do proxecto “A Viva Voz”, Isabel Pichel, e por Atempo Inteligencia Musical. A entrada é de balde.
  •  Comezará ás once e media da mañá en Fonteculler, e participarán, entre outros, Cristina Lombao, Borja Quiza, Pablo Parente, Pepe Capelán, Isabel Risco e a Asociación Anam Cara.

A locutora profesional de radio, Isabel Pichel, e a directora de Atempo inteligencia Musical, Estela López organizan, o 16 de abril en Fonteculler, no concello coruñés de Culleredo, unha xuntanza con motivo do Día Mundial da Voz, que este ano desenvólvese baixo o lema “A voz, o primeiro xeito de comunicación social”. A idea é sumar voces e visibilizar esta canle de comunicación humana. As portas de Atempo Inteligencia Musical abriranse ao público en xeral e aos profesionais da voz en especial, que poderán participar dunha experiencia oral única, compartindo ademáis as testemuñas dos/as convidados/as.

O acto, denominado Corro de voces, comezará ás once e media da mañá, no Centro Atempo Inteligencia Músical, situado na Rúa da Paz, 12, baixo, en Fonteculler. Isa Pichel presentará o Día Mundial da Voz.  A continuación falarán as persoas convidadas, entre elas Cristina Lombao, xornalista da Radio Galega,  Pablo Parente Arias, otorrinolaringólogo do CHUAC, Borja Quiza, cantante de ópera, Pepe Capelán, humorista, Isabel Risco, actriz, e a Asociación Anam Cara de Sada.

 Faladoriña

foto dia da voz

Durante o acto, a locutora Isabel Pichel e a community manager e personal coach, Estela López, anunciarán a participación de Faladoriña (Speaky en inglés), na XXIII PVC (Annual Pacific Voice Conference) e VI Voice Congress de San Francisco, California, nos Estados Unidos.

Faladoriña, creada por Isabel Pichel dentro do proxecto A Viva Voz, foi convidada a participar nesta conferencia mundial polos propios organizadores. O proxecto A Viva Voz, está avalado pola Sociedade Galega de Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cérvico-Facial, e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Naceu cun manual en formato cómic, que se presentou en decembro pasado, e conta con importantes colaboracións: a foniatra Marisa Lois, o debuxante Kiko da Silva e o actor Luis Iglesia. As ilustracións son de Fonso Barreiro.

A última conferencia da mañá será a de Isabel Pichel, “Preservación do Faladoriña ou Falador que todos levamos dentro!”. A entrada a Corro de voces é de balde, ainda que é necesario reservar praza no teléfono 670 936 965 ou no correo electrónico estamosatempo@gmail.com. As persoas que asistan poderán mercar o manual A Viva Voz cun prezo especial de 10 euros.

A Viva Voz

Con motivo do Día Mundial da Voz, o 16 de abril sortease un manual de A Viva Voz entre todas as persoas que entren no facebook de Faladoriña e deixen algún comentario sobre o proxecto. Ademáis, durante este mes de abril, as peticións do comic que se realicen on-line terán un 25% de desconto. Poderanse beneficiar desta oferta todos os pedidos que se reciban a través dunha mensaxe privada no correo faladorinha@gmail.com; ou na web www.faladorinhavivavoz.com. Unha parte do importe destínase a AECAT, a Asociación Española de Cáncer de Tiroides.

FOTO DIA MUNDIAL DA VOZ 01

Faladoriña participa no Día Mundial do Teatro

27 de marzo de 2015

manifesto teatro. foto isa

A xornalista e coach de voz, Isabel Pichel, no papel de Faladoriña, participou na lectura do Manifesto 2015 que abriu as actividades do Día Mundal do Teatro no Centro Sociocultural Santa Marta, en Santiago de Compostela.

Fotos cedidas por José Alberto Pedrido

MENSAXE DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2015

Krzysztof Warlikowski, director de teatro.

Os verdadeiros mestres do teatro pódense atopar máis ben lonxe do escenario. Polo xeral, non teñen interese no teatro como unha máquina para a reprodución de convencións e de clixés. Buscan a fonte da pulsión e as correntes vivas que tenden a evitar as salas de espectáculos e as grandes multitudes que prefiren a copia dalgún mundo ou doutro. Preferimos copiar no canto de crear mundos que estean enfocados e incluso supeditados en propiciar o debate co público, que se centren nas emocións que medran por debaixo da superficie. En realidade non hai nada que poida revelar tantas paixóns ocultas mellor co teatro.      

Decotío regreso á prosa como unha orientación. A miúdo véxome pensando nos escritores que hai case un século describiron profética mais serenamente o declinar dos deuses europeos, o crepúsculo que fixo sucumbir á nosa civilización nunha escuridade que aínda non se iluminou. Estou pensando en Franz Kafka, Thomas Mann e Marcel Proust, pero tamén me gustaría incluír a John Maxwell Coetzee entre ese grupo de profetas.      

O seu sentido común sobre a inevitable fin do mundo -non do planeta, senón do modelo das relacións humanas- e da orde social e a axitación caótica, é conmovedoramente actual para nós aquí e agora. Para nós que vivimos despois da fin do mundo. Que afrontamos crimes e conflitos que diariamente nacen en novos lugares máis de présa incluso do que os ubicuos medios de comunicación poden seguir. Estes lumes vólvense aburridos ben rápido e desaparecen das reportaxes, para nunca máis volver. E sentímonos desamparados, horrorizados e asediados. Xa non somos quen de construír torres e os muros que erguemos obstinandamente non nos protexen de nada, pola contra, eles mesmos esixen protección e coidado, que nos fai consumir unha gran parte da nosa enerxía vital. Xa non temos forza para tratar de ollar o que hai máis alá das portas, detrás dos muros. E é por iso exactamente polo que o teatro debe existir e onde debe buscar a súa forza. Para mirar máis adentro do que está permitido.      

A lenda trata de explicar o que non se pode explicar. Dado que se basea na verdade, debe rematar no inexplicable”, así é como Kafka describe a transformación da lenda de Prometeo. Estou convencido de que esas mesmas palabras deben describir o teatro. E é ese tipo de teatro, o que está enraizado na verdade e o que atopa o seu fin no inexplicable, o que desexo para todos os seus traballadores, para os do escenario e para os do público. Deséxoo con todo o meu corazón.”

A continuación tivo lugar a solta de globos “”Mil desexos para o teatro” cos desexos que escribiron as/os usuarios/as de distintos centros socioculturais de Santiago de Compostela.

manifestoteatro3

O profesorado do IES Antón Losada Diéguez da Estrada fórmase en técnicas vocais

05 de xaneiro de 2015

A xornalista e coach Isabel Pichel impartiu un obradoiro sobre técnicas vocais no I.E.S (Instituto de Educación Secundaria) Antón Losada Diéguez, no concello pontevedrés da Estrada. No seu papel de Faladoriña, ensinou ao profesorado distintas técnicas vocais para proxectar e coidar a voz.

Faladoriña é unha personaxe creada por Isabel Pichel. É a protagonista do  cómic A Viva Voz, presentado o pasado 22 de decembro na Cidade da Cultura. Neste primeiro manual sobre voz que se publica en Galicia,  Faladoriña describe, dun xeito sinxelo e lúdico, todos os aspectos relacionados coa voz e a prevención de doenzas. Na última parte mostránse unha serie de exercícios para faladoriñas e faladoriños que axudan no quecemento previo ao traballo coa voz. Durante a sesión formativa, Isabel Pichel practicou co profesorado estes exercicios, así como outras técnicas dirixidas especialmente a este colectivo.

Presentación de “A viva voz”, protagonizado por Faladoriña, o primeiro manual de voz en formato cómic

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014

A xornalista e coach de voz, Isa Pichel, presentou na Cidade da Cultura o proxecto ‘A viva voz’, o primeiro manual da voz en formato cómic que ela mesma impulsou a través dun personaxe moi especial: Faladoriña. A obra conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, – por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e está ilustrada por Fonso Barreiro e prologada pola foniatra Marisa Lois e polo actor Luís Iglesia.

A presentación contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüísitica, Valentín García, quen puxo de relevo “a importancia dun proxecto coma este para as cuestións relacionadas coa voz e coa oralidade do galego”. Participaron no acto, amais da autora, Isabel Pichel, e do ilustrador, Fonso Barreiro; o presidente da SGORL-PCF (Sociedade Galega de Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cervicofacial), Andrés Soto; e mais a presidenta da AECAT (Asociación Española de Cáncer de Tiroides), Cristina Chamorro.  Tamén contou coa asistencia do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.

A presentación rematou cunha mostra de exercicios de quecemento previo ao traballo coa voz incluídos no decálogo de ‘A viva voz’, da man de Faladoriña, a figura protagonista do cómic.

‘A viva voz’

‘A viva voz’ é a primeira guía de voz en formato cómic da xornalista Isabel Pichel, con ilustracións de Fonso Barreiro, que analiza ao longo de 52 páxinas as compoñentes socioculturais que inciden na oralidade. Conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, co aval da SGORL-PCF, baixo a revisión da doutora Raquel Fernández, e co apoio de AECAT e da empresa Identia Coaching&Formación.

Describe, dun xeito sinxelo e lúdico, todos os aspectos relacionados coa voz e coa prevención de doenzas a través do particular camiño da voz artística e da voz non artística de Faladoriña na superación dun cancro de tiroide e ofrece, ademais, un decálogo de exercicios para faladoriñas e faladoriños que axudan no quecemento previo ao traballo coa voz.

‘A viva voz’, que lle rende homenaxe ás orixes históricas do cómic, colabora con AECAT con cincuenta céntimos de cada exemplar vendido e poderá adquirirse a través da web faladorinhavivavoz.com, así como en distintas librarías de Galicia.

Máis información:

Presentación AECAT:

AECAT: http://www.aecat.net/2014/12/29/presentacion-de-faladorina-primer-manual-de-voz/

http://www.aecat.net/2014/12/18/faladorina-un-cuento-de-navidad/

Novas Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/1981/cultura-educacion-presenta-viva-voz-primeiro-manual-voz-formato-comic

http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/3663

http://cultura.xunta.es/es/nova/7391

Noticias Galicia:

http://www.noticiasgalicia.com/index.php/ng-salud/13051/a-viva-voz-un-comic-que-acerca-a-todos-los-publicos-el-cancer-del-silencio

Noticieiro Galego:

http://www.noticieirogalego.com/2014/12/cultura-presenta-a-viva-voz-o-primeiro-manual-da-voz-en-formato-comic/

Galicia Digital:

http://www.galiciadigital.com/nota.9310.php

Presspeople:

http://www.presspeople.com/nota/cultura-e-educacion-presenta-viva-voz