Faladoriña Docente!

Consigue tus objetivos

Algo está mudando nas accións formativas que imparte Faladoriña en Galicia/ España/ Portugal/ Suiza…

Advertisements

Día Mundial da Voz 2017, comparte a túa Voz

Share_silhoutte_wvd2017-april16-768x356O 16 de abril celébrase en todo o mundo a voz como canle de comunicación humana por excelencia. Este ano, 2017, o lema é: Comparte a túa Voz.
Moi inspirador sobre todo nestes tempos, nos que nos comunicamos moito por mensaxe de texto en redes sociais na internet.
Share your Voice, é unha chamada ás orixes. Á fala a viva voz entre nós.
A reflexión á que me leva é que, nesta muda dos tempos, perdemos habilidades de comunicación oral, os adultos. O peor de todo é que perdemos a capacidade de ensinarlle aos máis cativos centos de matices que teñen que ver coa fala, coa nosa cultura de comunicación verbal, coa capacidade de entendemento e organización das ideas. Volvémonos máis intransixentes, no canto do silencio. Na observación dunha conversa, un pode aprender tolerancia, liberdade de pensamento na opinión propia e allea.
Compartir a voz, vao máis alá da emisión de fonemas inconexos e da escoita de palabras desaqueladas. Compartir a propia voz é compartir a identidade de seu, na que implicamos a nósa natureza sociocultural. O xeito en que dicimos as cousas, leva parello unha ou varias emocións. A opinión sobre calquer asunto leva parella unha actitude, impresa no ton e no volume, no brillo e enerxía da voz, que dunha maneira inconsciente, usamos habiltualmente.
Coñecer e recoñecer eses matices, precisan da experiencia da fala, precisan do exercicio da palabra dita e escoitada, en contextos moi diversos.
Se perdemos as habilidades de comunicación oral, perdemos tamén aquelas que nos axudan a descifrar as mensaxes recibidas.

Falarlle aos meniños, con agarimo e dozura. Escoitar os sons fermosos que agroman das súas gorxiñas. Voar entre notas cantadas coma paxariños, e xogar a ver “quen é quen de”.

Masticar palabras agridoces, tragar con tristuras e sen sabores, beber bágoas e dixerir novas inesperadas, abafar con comentarios noxentos, sospirar de amores, imaxinar fabulosos contos, son algunhas das expresións que me acompasan, no meu camiñar. Son Faladoriña, porque desde pequerrechiña, sentada no colo da avoa, escoitaba e escoitada falar de todo ao carón da lareira da casa.
Comparte a túa voz, sempre que poidas e goza da excelencia da propia comunicación.
Son miles os anos que nos preceden no uso dela, engadindo matices a cada situación única na que partillar.