“Corro de voces” para reivindicar o valor da comunicación oral fronte as novas tecnoloxías

16 de abril de 2015

  • Borja Quiza, Pablo Parente, Débora Silva, Isabel Risco, Pepe Capelán e a Asociación Anam Cara participaron nos actos do Día Mundial da Voz, organizados pola locutora Isabel Pichel e Atempo inteligencia Musical.
  • Todos eles uniron as súas voces para reivindicar un novo tratamento da voz fronte as mensaxes de móbil.

Un Corro de voces formado por cantantes de ópera, logopedas, actores, humoristas, otorrinolaringólogos, e comunicadores reuniuse hoxe en Fonteculler, na localidade coruñesa de Culleredo, no “Día Mundial da Voz”, que este ano se celebra baixo o lema “A voz, o primeiro xeito de comunicación social (Voice, the original social media)”. O barítono Borja Quiza; o otorrinolaringólogo Pablo Parente; a logopeda e cantante Débora Silva; a actriz Isabel Risco, o humorista Pepe Capelán, a Asociación Anam Cara, a directora de Atempo Inteligencia Musical Estela López; e a coach de voz e locutora Isabel Pichel uniron as súas voces reivindicando un novo tratamento para a voz como vehículo de comunicación, fronte as novas tecnoloxías baseadas en frases frías e emoticonos. A voz como un modo de expresión, símbolo de identidade  propia, coa súas tonalidades, coas emocións, que lle dan valor engadido á mensaxe. Que transmiten calor frente a frialdade das mensaxes a través de móbil. O valor da comunicación oral fronte ás novas tecnoloxías. No encontro, denominado Corro de Voces e organizado por Isabel Pichel e Estela López,  confirmouse a participación de Faladoriña (Speaky en inglés) na XXIII PVC (Annual Pacific Voice Conference) e VI Voice Congress de San Francisco, California, nos Estados Unidos. Faladoriña, creada por Isabel Pichel dentro do proxecto A Viva Voz, foi convidada a participar nesta conferencia mundial polos propios organizadores. O proxecto A Viva Voz, está avalado pola Sociedade Galega de Otorrinolaringoloxía e Patoloxía Cérvico-Facial, e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Naceu cun manual en formato cómic, que se presentou en decembro pasado, e conta con importantes colaboracións: a foniatra Marisa Lois, o debuxante Kiko da Silva e o actor Luis Iglesia. As ilustracións son de Fonso Barreiro.

Borja QuizaBORJA QUIZA - copia Barítono lírico, nacido en Ortigueira (A Coruña). Foi “Premio Opera Actual” ao mellor cantante lírico xoven en 2009, premio ao mejor cantante de zarzuela nos premios líricos “Teatro Campoamor” de Oviedo. Quiza é unha das figuras emerxentes da lírica internacional grazas ao seu profundo estudo da técnica e a interpretación cantora. Proba delo é a a súa interpretación de Don Giovanni  na película de Carlos Saura  do mesmo nome. Borja Quiza falou da súa experiencia como cantante, e a súa experiencia na investigación de técnicas vocais. Segundo explicou, a voz é unha mestura de técnica, arte, maxia e misticismo. Ten unha parte emocional, que influe na fonación, e unha parte física. Na súa opinión, é importante contar coa ciencia para explicar a técnica vocal. Antes de interpretar “Lela” para as persoas asistentes, subliñou que neste momento hai unha idea de modernizar a ópera adaptándoa á linguaxe televisiva e cinematográfica, aos medios de comunicación social. Neste momento dixo, “o importante non é a voz, é o físico e a posta en escea”. Ao seu xuizo tratáse dunha liña equivocada, porque, argumentou “a ópera é un xénero convencional, irreal, que pervive pola súa propia linguaxe”. A ópera, segundo dixo, é unha meta alucinante para a voz. Na súa opinión, as mellores voces do xénero atópanse nos anos 60 e 70 do século pasado.

Pablo Parente Arias PABLO PARENTE - copia Especialista en Otorrinolaringoloxía desde 1999. Formado no Complexo Hospitalario da Coruña, traballou neste centro e desde fai uns anos, no Hospital La Rosaleda de Santiago. Iniciou a súa formación en voz co Dr. Rafael García Tapia, neto de Antonio García Tapia, un dos precursores da laringoloxía non só en España, senón tamén no mundo. Pablo Parente centrou a súa intervencion na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades da voz. Como prevención lembrou que o tabaco lesiona as cordas vocais e a mucosa ata provocar cancro; que é fundamental unha boa hidratación bebendo entre dous litros e medio e tres litros de auga ao día, que hai que ter coidado cos ambientes resecos (aire acondicionado e calefacción); e co alcohol, xa que deshidrata a larinxe e afecta ao estómago e o refluxo sube ata a gorxa, que se atopa desprotexida contra estes ácidos. En canto ao diagnóstico, recomendou aos profesionais que traballan coa voz acudir ao otorrinolaringólogo para revisións periodicas. Revisións que poden ir desde unha simple exploración, ata unha fibroscopia ou unha estereoscopia, pasando por un estudio de voz personalizado que consiste en desfacer a voz en partes e ver como se relacionan. Para rematar, mostrou distintos vídeos e explicou distintas intervencións nas cordas vocais para retirar pólipos, tumores, etc. Durante unha conversa informal co resto das persoas asistentes, Parente alertou do uso continuado dos cascos. Explicou que o oído se adapta, durante un periodo de tempo, ao volume do son. Pero unha vez pasado ese período, o oido sufre. O mesmo sucede coa voz. As persoas, por incercia, elevan o seu tono de voz, e fórzana máis, polo que se resinten as cordas vocais.

Débora Silva DEBORA SILVA - copia Pedagoga teatral, logopeda especialista en técnica vocal e rehabilitación da voz e cantante profesional con máis de quince anos de experiencia. Débora Silva describiu a súa experiencia. De cómo comezou como cantante amateur, quedando finalista en distintos concursos de canto, a como pasou a interesarse polo seu propio aparato fonador. Segundo relatou, decatouse moi pronto de que nos estudos de logopedia había moi poucas asignaturas adicadas propiamente á voz, o que a levou a unha investigación para coñecer os mecanismos da voz a través da súa propia experiencia. Neste proceso de autocoñecemento é fundamental, segundo explicou, o apoio doutros profesionais, como os otorrinolaringólogos, sobre todo na prevención de riscos asociados a patoloxías da voz. Silva rematou cantando, igual ca fixera Quiza, a canción “Lela”.

Isabel Risco ISABEL REY - copia Actriz, clown e pedagoga teatral. Comeza a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña. Desde o ano 2000 participa en espectáculos profesionais en distintas compañías, entre elas “Os sete magníficos máis un”, ou “Maquinaria Pesada”.  No 2005 gradúase en Pedagoxía Teatral na Universidade da Coruña. No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en longametraxes e distintas series e programas da TVG, como Padres Casares, A vida por diante, O Nordés, Air Galicia, O Show dos Tonechos, Luar, etc. Na XII Edición dos Premios do audiovisual galego recibe o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto polo personaxe de Dona Hortensia en Era Visto! Actualmente está co proxecto teatral de Ibuprofeno Teatro, O Furancho. Para Isabel Risco, a voz é a súa ferramenta de traballo, “o meu sacho, o meu angazo, e funa desenvolvendo pola terra e polo mar, dende Coruña, intentando percorrer o resto do pais, ali onde me deixan, onde teño a sorte que me conviden…” A actriz, desde un punto de vista costumista, incidiu na proxección de voz que existe en Galicia, froito dos costumes e do propio idioma.

Pepe CapelánPEPE CAPELAN - copia Guionista, cómico e actor.Colaborador do programa “Bamboleo” e presentador do programa “No mellor da vida” da Televisión de Galicia. Tamén colabora no programa “A tarde” da Radio Galega. É monologuista e cantante do grupo de rock cómico “Fillos do Estramonio”. Parente explicou que a voz é a nosa “pegada dixital”, unha identificación persoal de cada un de nós. Despois de reflexionar sobre a retranca e a tradición oral, incidiu na importancia de aprender técnicas de voz para evitar problemas posteriores, sobre todo en persoas que utilizan a voz habitualmente no seu traballo. Cristina Lombao A xornalista da Radio Galega, a través dunha grabación lembrou a importancia da mensaxe. Segundo dixo, “a voz é o envoltorio”, e pode cambiar a percepción desa mensaxe. A voz, continuou, ten pausas, inflexións, tonalidades, que poden atraer ou afastar aos ointes.

Anam Cara ANAM CARA - copia Asociación de Sada especializada en actividades de crecemento persoal. Anuk Leandro, Alicia Rivela e Andrés Rodríguez falaron da técnica de harmónicos.O seu enfoque no uso da voz bebe, entre outras técnicas, do teatro, da improvisación, da ritmoterapia e a musicoterapia, de cantos ancestrais… Falaron da terapia con son e canto, que permite,entre outros efectos beneficiosos para a persoa, acadar a armonía co que nos rodea, liberar o potencial creativo individual, reforzar o sistema psico-neuro-inmunolóxico, e xerar optimismo, paz, enerxía e confianza, etc. Segundo explicaron, hai distintos factores, entre eles o estrés, tensións, emocións, que bloquean a voz. Isto pódese previr con exercicios a través do ioga, da relaxación, do silencio mental; aprendendo a escoitar, desde a calma. Andrés Rodríguez lembrou que todos temos unha voz que nos identifica, e cada unha desas voces ten as súas capacidades; e hai que traballar estas ptencialidades.O importante, dixo, é non por límites á nosa propia voz. Corro de Voces rematou cuns exercicios de harmónicos baseados en cantos ancestrais interpretados por Anam Cara.

Fotos cedidas por José Alberto Pedrido

Máis información:

Televisión de Galicia:

http://www.crtvg.es/informativos/no-dia-mundial-da-voz-os-profesionais-chaman-a-usala-mellor-na-comunicacion-social-1089208

Advertisements

Un comentario en ““Corro de voces” para reivindicar o valor da comunicación oral fronte as novas tecnoloxías”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s